Louis Pasteur

Louis Pasteur, nado en Dole (departamento do Jura) o 27 de decembro de 1822 e finado o 28 de setembro de 1895, foi un químico francés cuxos descubrimentos tiveron enorme importancia en diversos campos das ciencias naturais, sobre todo na química e microbioloxía. A el débese a técnica coñecida como pasteurización. A través de experimentos refutou definitivamente a teoría da xeración espontánea e desenvolveu a teoría xerminal das enfermidades infecciosas. Polos seus traballos é considerado o pioneiro da microbioloxía moderna, iniciando a chamada «Idade de Ouro da Microbioloxía». Aínda que a teoría microbiana foi moi controvertida nos seus inicios, hoxe en día é fundamental na medicina moderna e a microbioloxía clínica e conduciu a innovacións tan importantes como o desenvolvemento das vacinas, os antibióticos, a esterilización e a hixiene como métodos efectivos de cura e prevención contra a propagación das doenzas infecciosas. Esta idea representa o inicio da medicina científica, ao demostrar que a enfermidade é o efecto visible (signos e síntomas) dunha causa que pode ser buscada e eliminada mediante un tratamento específico. No caso das enfermidades infecciosas, débese buscar o xerme causante de cada enfermidade para achar un modo de combatelo. As súas contribucións na química orgánica foron o descubrimento do dimorfismo do ácido tartárico, ao observar ao microscopio que o ácido racémico presentaba dous tipos de cristal, con simetría especular. Foi xa que logo o descubridor das formas dextroxiras e levoxiras que desviaban o plano de polarización da luz co mesmo ángulo pero en sentido contrario.


Developed by StudentB